Friday 17 de May de 2024

Chega a segunda edición do curso de primeiros auxilios á Pobra


Na xornada do 28 de maio desenvolverase a segunda edición do curso de primeiros auxilios organizado pola Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal xunto coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns. As clases impartiranse na aula multiúsos da Casa da Mocidade, en horario de 10.00 a 14.00 horas, e seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.

Repítese esta acción formativa dada a boa acollida que tivo a primeira convocatoria e para así cubri-la demanda de persoas solicitantes, segundo explica a edil Amparo Cerecedo (BNG). De feito, as prazas xa están cubertas coas persoas interesadas que non entraron na primeira quenda.

Os obxectivos do referido programa radican en adquirir coñecementos básicos sobre o manexo de situacións que requiran unha actuación de primeiros auxilios básicos, ademais de aclarar dúbidas. Abrangue así a atención inicial nas situacións de urxencia máis frecuentes tales como traumatismos, convulsións, as crises epilépticas, dificultade respiratoria, a dor torácica, queimaduras, perda de coñecemento, diabetes, reaccións alérxicas, picaduras ou reanimación cardiopulmonar básica, entre outras.